viernes, 13 de abril de 2012

Ademais da Lúa, a Terra tivo "minilúas" xirando arredor

Un equipo de astrónomos da Universidade de Helsinki, o Observatorio de París e a Universidade de Hawái simularon o paso de 10 millóns de asteroides xunto á Terra e chegaron á conclusión de que, grazas á gravidade, debeu atrapar algún pequeno obxecto celeste e que, nalgún momento, ademáis da Lúa, houbo polo menos unha "minilúa" dun metro de diámetro xirando en torno ao noso planeta. Segundo a simulación, os asteroides que a Terra puido capturar non xiraban en círculos, senón seguindo unha complexa traxectoria definida simultaneamente pola gravidade da Terra, a de Lúa e a do Sol. A "minilúa" típica podería ter xirado arredor do planeta azul durante 9 meses, aínda que algunhas poderían ter acompañado a Terra durante décadas.


A simulación puido ser realizada grazas ao uso do superordenador francés Jade. "Nun ordenador persoal normal tardariamos seis anos en facer o mesmo", explicou Jeremie Vaubaillon, coautor do traballo que publica a revista científica Icarus.


"As minilúas son cientificamente moi interesantes", engade o seu compañeiro Robert Jedicke, que considera que unha minilúa podería regresar algún día á Terra achegando aos astrónomos "un modo sinxelo de examinar unha mostra de material que non cambiou moito dende os comezos do sistema solar hai 4.600 millóns de anos"

No hay comentarios:

Publicar un comentario